CRTVG

Buscar

En Carballedo investigan un roubo na farmacia e tentativas noutros locais

Publicado o 09/04/2019 14:31

Os ladróns actuaron de madrugada no concello lugués de Carballedo. Entraron na farmacia da Barrela, onde conseguiron un botín de 900 euros logo de abrir a caixa rexistradora. Ademais, na mesma noite, tentaron sen éxito acceder a un bar e a unha correduría de seguros de Chantada. A Garda Civil xa está a buscar os responsables.

A farmacia da Barrela, no concello lugués de Carballedo, recibiu a visita dos ladróns. Os amigos do alleo aproveitaron que o local carece de alarma, de cámaras de videovixilancia e de persiana de seguridade para forzar o cilindro da pechadura e acceder ao interior do establecemento. Unha vez dentro, colleron os cartos para o cambio que había no interior da caixa rexistradora, preto de 900 euros. Os autores do roubo agardaron a que pechara o bar que hai a escasos metros para actuar sen que ninguén os vira.

Entraron rompendo a pechadura e foron directos polos cartos. Non os viu ninguén.

O propietario e as traballadoras da farmacia din que non viron ninguén sospeitoso que puidera vixiar o establecemento nas horas previas ao roubo. Tamén sinalan que non dispoñían de medidas de seguridade porque o lugar foi sempre moi tranquilo. Por outro lado, cren que se trata de profesionais que actuaron con moita velocidade e sen causar danos no local. Por fortuna, e aínda que puideron facelo, non levaron medicamentos para a súa venda no mercado negro. Agora xa se presentou denuncia ante a Garda Civil, que está a buscar os autores do roubo.

Non vimos nada sospeitoso nin pensamos que puidera pasar algo así nesta zona, que é moi tranquila.

Na mesma noite, tamén houbo intentos de roubo nunha cafetería e nunha corretaxe de seguros de Chantada, a só dez quilómetros, pero os ladróns non levaron nada dos locais. A Garda Civil cre que puideron ser os mesmos autores.

Noticias web

09/04/2019