CRTVG

Buscar

En bo estado os catro tripulantes do Vikinjo, un palangreiro de Aguiño que se afundiu na costa vasca

Publicado o 18/10/2019 14:25

Era noite xa cando saltou a radiobaliza do Vikinjo. A 15 millas do cabo Matxitxako, fronte á costa biscaíña, este palangreiro con base en Aguiño estaba xa practicamente afundido, e os seus catro tripulantes non tiveron máis remedio que abandonalo.

O patrón maior da confraría de Carreira e Aguiño, José Antonio Santamaría, explica que ao parecer, os mariñeiros do Vikinjo "escoitaron o ruído dun golpe, un tronco ou calquera cousa perdida no mar, que foi bastante como para facer unha vía de auga e imaxino que cando foron abaixo á máquina estaría asulagada de auga e pouco máis puideron facer".

Afortunadamente, un pesqueiro estaba preto. O Itoitz foi quen rescatou os catro tripulantes, que xa saltaran á balsa de emerxencias. O Salvamar Monte Gorbea de Salvamento Marítimo trasladounos ata Bermeo. Todos están ben.

"O patrón ten un proceso gripal, normal, co frío e ao estar metido na auga, pero o resto están todos ben, imaxino que asustados porque é unha desgraza e perder o barco, o traballo, pero iso é o de menos, o caso é que non haxa que preocuparse de nada máis".

Tamén foi mobilizado o helicóptero Helimer 222, pero finalmente non foi necesaria a súa intervención.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/10/2019