CRTVG

Buscar

En Bertamiráns aprenden a facer encaixe con material reciclado

Publicado o 24/02/2019 22:21

O encaixe é unha técnica artesanal, que tamén admite materiais reciclados. Nun obradoiro en Bertamiráns ensinan o facer o punto ata con plástico, aseguran que é unha forma de democratizar esta arte, para que non morra.

Mariña Regueiro, profesora de encaixe: "O encaixe tradicional ten os días contados. Se somos capaces de que a xuventude e a xente que está traballando en outros soportes colla o encaixe como técnica, entón non se perde".

Mariña Regueiro intenta democratizar o encaixe da maneira que mellor sabe, ensinando a tecer a quen queira aprender. Na súa clase collen persoas de todas as idades.

"Antes de inventarse as máquinas o encaixe só se podía facía a man e, polo tanto, como era moi caro, só podían compralo xentes de clases altas. No momento que o tule se fai nas máquinas da vila de Tulle de Francia, podemos dicir que se empeza a democratizar o encaixe. Agora podémolo levar, porque podemos facelo dunha forma máis sinxela".

Utilizando bolsas de plástico e reciclando pezas de roupa vella, as alumnas aprenden a facer os puntos máis sinxelos do encaixe, pasando dos de tres milímetros que se facían antes, aos de sete centímetros que elaboran neste obradoiro e que se constitúen en prendas en poucas horas. Pero neste espazo de Bertamiráns non é a única actividade que programan para facer con materiais reciclados.

Sarah Phillips, encargada de Dos Pasos: "Intentamos reciclar todo o que podemos, de feito o local está feito de materiais reciclados. O noso lema é compartir experiencias e desenvolver ideas, entón aquí desembarca de todo. Por exemplo, hoxe estamos facendo encaixe contemporáneo, que xusto é iso, coller a idea do encaixe e facelo máis moderno".

Sacar esta arte dos caixóns para encaixala entre persoas diferentes, que, ademais, teñen conciencia da importancia de reutilizar, evita que desapareza un antigo oficios e permite modernizar e conservar o tecido tradicional.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/02/2019