CRTVG

Buscar

En Areeiro experimentan con funxicidas naturais para combater o mildio

Publicado o 14/06/2019 14:15

A primavera é o momento de máis risco nas viñas debido ao mildio. Desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, en Pontevedra, aconséllanlles aos viticultores comprobar a eficacia dos tratamentos e levar a cabo os labores necesarios de despunte, poda e esfollado para ter as viñas en condicións óptimas.

A primavera é un momento de risco para a afectación do mildio, e a partir de agora, cara ao San Xoán, tamén do oídio.

A responsable dos avisos fitosanitarios da estación do Areeiro, opina que non se lle pode botar toda a culpa da proliferación do mildio ao tempo. Aconsella aos viticultores que estean máis pendentes da evolución desta enfermidade e que comproben se os tratamentos que están dando son eficaces.  

Rosa Pérez, responsable dos servizos fitosanitarios do Areeiro: "Se non se frea a enfermidade teñen que repetir o tratamento en mellores condicións, porque este ano comprobamos que se estaban dando con moito vento, e que a máquina coa que o dan estea ben calibrada para ter a seguridade de que se dá o que queremos dar".

Pero non só hai que revisar as viñas para comprobar a eficacia dos tratamentos. Agora é o momento doutros labores complementarios. 

Rosa Pérez, responsable dos servizos fitosanitarios do Areeiro: "Labores culturais como o despunte para eliminar o exceso de vexetación, que este ano hai moita polo tempo da primavera en que houbo alternancia de períodos de moita calor e húmidos. Tamén a poda en verde e a esfolla porque é necesario que o produto penetre dentro da viña e dos acios".

Nas viñas da estación do Areeiro están a probar distintas fórmulas para combater os fungos. Experimentan con funxicidas naturais para o mildio en condicións extremas. O obxectivo é reducir o número de aplicacións químicas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/06/2019