CRTVG

Buscar

En agosto xa quedan poucos pisos en alugueiro para estudantes en Santiago de Compostela

Publicado o 20/08/2019 17:20


Conseguir unha vivenda para o curso escolar parece, nestes momentos, unha misión imposible. No centro das cidades non quedan pisos de alugueiro. As axencias inmobiliarias non teñen nada dispoñible desde hai un mes.

 David Abelleira, Inmobiliaria Rey: "A principios do mes de xullo houbo unha auténtica avalancha e en semana e media quedamos sen pisos. Empezaron demandando de catro cuartos, despois de tres e logo foron collendo o que quedaba."

Os estudantes prefiren pisos máis grandes para repartir mellor os gastos. Pero en agosto teñen que agarrarse ao que queda. Unha moza que busca piso: "Eu veño cunha compañeira e acabamos de ver un piso pero só ten un cuarto e dubido porque non a quero deixar de lado pero o piso está moi ben."

As inmobiliarias destacan que hai poucos pisos dispoñibles para o curso. Moitos están alugados todo o ano ou aos turistas. David Abelleira, Inmobiliaria Rey: "Realmente había menos pisos. Aquí está facendo dano o alugueiro turístico. Tanto para estudantes como para familias faltan pisos e bótolles a culpa aos pisos de alugueiro turístico que ademais a maioría non están regularizados."

Unha moza que busca piso: "Tiven que marchar de viaxe e vin tarde. Ademais o das convocatorias é un rollo porque tes que esperar moito e se te collen na última non tes tempo para nada." En Santiago un piso de dous cuartos para o curso escolar custa uns catrocentos euros, setecentos o de catro dormitorios. Son prezos medios, depende da rúa e do estado do inmoble.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/08/2019