CRTVG

Buscar

En 2020 o número de nacementos en Galicia reduciuse un 3,12 %

Publicado o 02/07/2021 14:59

En 2020 Galicia perdeu 17.610 habitantes con respecto ao ano anterior. "Rompeuse unha dinámica positiva que viña de anos anteriores. No 2019 Galicia gañara poboación e no ano 2020 volveu a unha dinámica negativa", precisa Jacobo Rey Sastre, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia.

A pandemia supuxo un aumento da mortalidade nun 5 % e freou os movementos migratorios, caracterizados en Galicia por un significativo retorno de emigrantes e descendentes dalgúns países américanos. Outro dos índices que contribuíron a esa dinámica negativa da poboación foi o receso da sempre baixa taxa de natalidade. O ano pasado naceron 15.212 galegos un 3,12 % menos ca en 2019.

"Por que se provoca esa contración da natalidade? Fundamentalmente por incerteza económica. En momentos de crise, a natalidade restrínxese", di Rubén Lois González, catedrático de Xeografía da USC e especialista en análise territorial.

Aínda cando se recupere este receso conxuntural, haberá que seguir afrontando a realidade de base, que é un índice de natalidade dun fillo por muller en idade fértil, que está entre os máis baixos do mundo. Desde a Administración autonómica agardan que, pasada a pandemia, se empecen a ver os efectos das medidas incluídas na recente Lei de impulso demográfico de Galicia.

"Como, por exemplo, a gratuidade a partir do segundo fillo nas escolas infantís, que é unha medida pioneira en España que ningunha comunidade autónoma adoptou aínda, ou a implantación de casas niño no rural"lembra Jacobo Rey.

Exemplos coma o de Francia ou Suecia, que lograron recuperar uns índices de natalidade de dous fillos por muller, incentivan esas liñas de actuación, pero os demógrafos din que para chegar a eses niveis habería que crear unhas condicións socioeconómicas equivalentes.

"Leis coma a de impulso demográfico inician ese camiño, pero eu creo que hai que afondar máis as medidas e radicalizalas un pouco máis e dar máis axudas á natalidade, porque economicamente é necesario ter máis xente nova en sociedades como a galega", recalca Rubén Lois, catedrático de Xeografía da USC.

Noticias web

02/07/2021