CRTVG

Buscar

Zigzag Diario

En 1922 nacía na Coruña María Casares

Publicado o 21/11/2017 17:14

En 1922 nacía na Coruña María Casares, que posteriormente sería unha coñecida actriz de enorme éxito en Francia, onde vivíu exiliada por ser filla de Santiago Casares Quiroga, que fora ministro da II República española durante o goberno de Azaña.

Nas décadas dos 40 e 50 foi considerada unha das grandes da escena francesa. Durante anos mantivo unha relación con Albert Camus, que a puxo en contacto coa Resistencia e cos exiliados españois. María representou obras do propio Camus, Sartre, Cocteau..., converténdose na musa do existencialismo.

Tivo bastante éxito no cine, pero en España foi silenciada polo réxime franquista.

Volveu a España en 1976 para representar 'O adefesio', de Alberti, pero nunca retornou a Galicia. Aínda así, recibíu o título de filla predilecta da Coruña e a medalla Castelao da Xunta.

Unha das últimas entrevistas antes de morrer concedeulla á TVG en París, en 1996. Precisamente, a raíz da súa morte instauráronse os Premios María Casares de teatro, que recoñecen cada ano os mellores profesionais galegos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Zigzag Diario

21/11/2017