CRTVG

Buscar

Empresas galegas apostan polo teletraballo como medida preventiva do coronavirus

Publicado o 12/03/2020 14:20

O coronavirus está a mudar os protocolos de prevención e a forma de traballar de moitas empresas. Nalgunhas optan polo teletraballo. Envían os seus empregados á casa, para que exerzan as súas funcións dende o fogar.

Sandra Domingo, profesora, explica que agora dan clase a través do ordenador, desde a casa, e que lle envían exercicios e explicacións aos alumnos vía online.

En Galicia, empresas como Inditex ou Ence xa apostan polo teletraballo en parte dos seus cadros. O obxectivo é evitar a propagación do COVID-19. Unha medida excepcional que podería abrir a porta a novos modelos laborais que permitan unha maior conciliación.

Maica Bouza, responsable de emprego de CC.OO di que non debería ser unha medida excepcional, que se poden explorar novas formas de traballo que permitan que as empresas sigan producindo e gañando ao tempo que as persoas atenden aos seus propios proxectos de vida.

Ata agora en España apenas un 4,3% dos empregados teletraballaban. Pero o coronavirus está a impoñer a marchas forzosas o traballo dende a casa, a empregados de bancos, operadoras, multinacionais e pemes de todo o mundo.

 

Noticias web

12/03/2020