Empresarios no exterior toman contacto na Toxa con proxectos e empresas galegas emerxentes
O encontro da Toxa reúne empresarios galegos radicados en seis países americanos, Portugal e tres comunidades autónomas españolas.
"O obxectivo é atraer investidores para proxectos, tanto de Galicia para que poidan espallarse polo mundo, como doutros lugares do mundo que queiran vir para Galicia", di Sara Dobarro, voceira para Europa de AMEGA.
Por este motivo, durante o encontro os asistentes poderán entrar en contacto cunha vintena de proxectos e empresas emerxentes galegas para coñecer de primeira man as súas necesidades de desenvolvemento e financiamento.
"É imprescindible ter un proxecto sólido para poder emprender e poder chegar así rapidamente aos mercados. Ademais dun proxecto innovador, necesítanse outra serie de ingredientes, como unha boa base", explica Aasunción Gómez Pérez, vicerreitora de investigación da UPM.
"É importante tamén poder apoiar estes proxectos. Creo que é un gran labor que esteamos aquí reunidos con empresarios que poidan apoiar estes proxectos porque os proxectos non só requiren financiamento, senón que tamén requiren apoio e clientes", cre Adrián García-Aranyos, presidente de Endeavor.
Esta sétima edición do evento servirá tamén para presentar en sociedade a recentemente creada Asociación Mundial de Empresarios Galegos.