Empresarios e economistas buscan en Allariz fórmulas para atraer fondos europeos
Preto dun cento de persoas vinculadas ao ámbito empresarial debateron en Allariz sobre estratexias para captar os fondos da Unión Europea destinados á recuperación económica tras a pandemia. Foi no congreso Next Generation, organizado pola Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense e no que participaron empresarios de éxito da provincia como Roberto Verino, e tamén especialistas en fondos de investimento, en transición enerxética, en sustentabilidade económica, que abordaron os retos de futuro desta provincia eminentemente agrícola e rural pero tamén con grandes potenciais por explotar.
Roberto Verino é un dos espellos para os novos empresarios de Ourense: un paradigma de éxito internacional coas raíces ben asentadas no territorio local en dous sectores estratéxicos da provincia: o textil e o viño. "Se hai vontade, se hai propostas intelixentes e capacidade de entender que todos temos que sumar, pódense facer moitísimas cousas", asegurou.
Nun momento de revalorización do rural como consecuencia da pandemia e o confinamento, os empresarios poñen a vista na dotación de medios para atraer iniciativas. Chegar ao rural coas novas tecnoloxías e coa alta velocidade para que se poidan implantar empresas que creen emprego".
Loitar contra o despoboamento, coinciden todos, é o reto principal. "Polo menos fixar poboación, que non caia, e afrontar o avellentamento. E iso faise con novas empresas en novos sectores, que aumenten, que crezan e que creen emprego", explicou José Carlos Díez, economista especialista en fondos de investimento.
Sustentabilidade, transformación dixital ou economía circular son algúns dos conceptos que se propuxeron como claves para acceder aos fondos de recuperación da Unión Europea.