Empregar panos azuis no caso dos nenos con autismo pode estigmatizalos?
Foi a iniciativa dalgúns pais de nenos con autismo; o emprego de panos azuis para evitar que os veciños os denunciaran por saír en pleno confinamento. Pero esta medida non foi ben recibida polas distintas asociacións que traballan neste eido e que consideran que ese pano azul só consigue marcar e estigmatizar os nenos.
A alegría que levaron as familias das persoas con trastornos do espectro autista coa modificación do real decreto do estado de alarma que lles permitía saír á rúa, virou en dor pola reacción dalgúns veciños que os increpaban cando facían uso dese dereito. Para tentar evitar o trato vexatorio, desenvolveron unha campaña a través das redes sociais que convidaba a respectar aquelas persoas que portasen na rúa un distintivo de cor azul. Algo que non apoian desde as asociacións que traballan neste eido.
O vindeiro 2 de abril celebrarase o Día Internacional do Autismo, e desde as distintas asociacións vano conmemorar cunha campaña co lema "Podo aprender, podo traballar", que desenvolverán a través das redes sociais.