CRTVG

Buscar

Empregan as redes sociais para manter a motivación nas rutinas saudables

Publicado o 08/01/2019 16:07

Empezamos o ano con moi bos propósitos, pero boa parte deles acaban tendo pouco percorrido. Non é o caso de Josiño, un vigués que grazas á súa perseveranza logrou adelgazar no último ano máis de 40 quilos. A súa experiencia evidencia que un dos factores clave para manter as rutinas saudables é buscar cómplices que nos acompañen no proceso. 

Josiño vive a uns catro quilómetros do seu traballo. Desde hai un ano, percórreos a pé ida e volta case todos os días. A iso súmalle o que anda a media mañá na hora da pausa laboral.

Josiño Estévez adelgazou 44 quilos no último ano: "No traballo estou sentado moito tempo. Entón, na pausa do café, vou andar, que é o que fago todos os días".

Decidiu mudar estas rutinas cotiás para baixar de peso. Pesaba 184 quilos. Ao cabo dun ano, pesa máis de corenta quilos menos, e pretende seguir nesa liña.

"Metas a longo prazo nunca me propuxen ningunha, porque o seu é facer a curto prazo as cousas".

Para lograr manterse fiel aos seus novos hábitos saudables di que foi clave a rede Kilos de sobra, xerada a partir das canles en que comparte a súa experiencia.

"Conecto coa xente a través das redes sociais. Fago andainas bastante a miúdo, e así máis xente se xunta e andamos, coñecémonos e fai que non sexa tan aburrido".

A piques de facer o seu primeiro aniversario, a iniciativa de Josiño confirma que contar con relacións de reforzo é vital para que os bos propósitos que empezamos a poñer en práctica perduren.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/01/2019