CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Empezan a funcionar os xulgados provinciais para as cláusulas de chan

Publicado o 01/06/2017 21:27




Empezan a traballar os xulgados especializados nas demandas polas cláusulas de chan nas hipotecas. Hai un por provincia e contarán con xuíces de reforzo. En Galicia, hoxe tomaron posesión os da Coruña e Vigo.

Comezan a funcionar os 54 xulgados provinciais que atenderán as demandas polas cláusulas abusivas nas hipotecas. Repiten o esquema que xa se seguiu para atender as denuncias polas preferentes. O Goberno quere evitar así un posible colapso tras a sentenza europea que declarou nulas as cláusulas de chan con efecto retroactivo.

"Non vai haber un aluvión, pero si moitas demandas nas próximas semanas por unha razón moi sinxela: os bancos están incumprindo a sentenza da Unión Europea e non están devolvendo o diñeiro a todos os afectados", opina o avogado David Alfaya. "Ata agora, o que sucedeu en Vigo non se pode considerar unha avalancha, porque en 5 meses 300 demandas para 12 xulgados de primeira instancia non é avalancha nin moito menos. É verdade que a partir de hoxe a competencia é de toda a provincia", di Germán Serrrano, xuíz decano de Vigo.

As primeiras vistas nos novos xulgados poderían celebrarse a mediados de xullo. Este xoves tomaron posesión os dous xuíces de reforzo destinados a Vigo e á Coruña. Tanto o Consello da Avogacía como os sindicatos denunciaron a falta de medios coa que bota a andar o servizo e as molestias que suporá para o cidadán concentrar todos estes casos nun só xulgado por provincia.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

01/06/2017