CRTVG

Buscar

Empeora a situación na área sanitaria de Santiago e mellora na de Vigo

Publicado o 20/10/2020 21:01

A Consellería de Sanidade di que a situación epidemiolóxica de Galicia é estable, pero recoñece unha tendencia crecente na expansión do virus. O conselleiro non descarta un incremento das restricións, incluídos novos peches perimetrais.

"Todas as medidas están enriba da mesa, pero o importante é axeitalas á situación epidemiolóxica de cada concello, comarca ou de toda a comunidade. Nunca tivemos problema en tomar medidas desta natureza porque cremos que é importante anticiparnos e tomalas con tempo", asegurou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Á marxe de Ourense, a área sanitaria de Santiago é o principal motivo de preocupación. Nos últimos catorce días sumou 700 casos, 90 diagnosticáronse na última xornada. E dentro da área sanitaria é especialmente severa a incidencia do virus na capital. Supera os 300 casos por cen mil habitantes. En Compostela dan por feito que se endurecerán as restricións.

"Véxoo necesario. Está sendo un caos, a verdade", di un mozo. "Todo o que se faga para parar isto paréceme perfecto", asegura unha muller.

E despois de varios días baixan os novos contaxios na área sanitaria de Vigo, onde só queda Cangas en nivel de alerta máxima. O alcalde de Vigo reclámalle á Xunta máis transparencia na información que se lles facilita aos concellos e lánzalles esta mensaxe aos veciños.

"Eu quero que se lle transmita á cidade que a situación é moi dificil porque hai unha repunta da pandemia e temos que ter un especial coidado", dixo Abel Caballero.

En Pontevedra preocupa o gromo con oito positivos detectado na unidade de oncoloxia do Hospital Provincial. Están infectados seis doentes, un sanitario e un acompañante que, segundo fontes da área sanitaria, puido ser a orixe do contaxio. Os enfermos afectados foron trasladados ao hospital de Montecelo.

Noticias web

20/10/2020