CRTVG

Buscar

Empeora a situación na área sanitaria da Coruña-Cee: 446 novos contaxios e 353 hospitalizados

Publicado o 27/01/2021 14:25

Nas últimas 24 horas rexistráronse 1.586 novos contaxios en toda Galicia. Deles, case a terceira parte, 446, están na área sanitaria da Coruña e Cee. Tamén hai máis pacientes nos hospitais desta área, 353 en total, 48 na UCI, e houbo 3 falecementos. "Isto vai sen freos", di un cidadán.

No CHUAC levan semanas aturando un importante incremento de pacientes de coronavirus, dedicándolles cada vez máis recursos.

"A situación é complicada. Estamos intentando, sen esquecer ao máximo as outras patoloxías, dedicarlle a mellor das atencións aos pacientes de coronavirus", explica Pedro J. Marcos, director de atención hospitalaria do CHUAC.

Confían en que as novas restricións freen as cifras dos últimos tempos.

"Se agora que temos novas medidas conseguimos impactar na infección da rúa, isto en 10-15 días impactará no hospital de xeito positivo", asegura Pedro J. Marcos.

"Haberá que ir protexidos e seguir as restricións". "Evitar a interacción social". "Eu noto que respectan moito o toque de queda". "A ver se a vacina pode solucionar algo o problema", comentan varios coruñeses.

Os sanitarios insisten en que os doentes que están a ingresar agora nos hospitais son máis novos que os da primeira vaga da pandemia. Por isto, apelan á responsabilidade individual de toda a poboación porque din que ninguén pode estar seguro de non sufrir as graves consecuencias do coronavirus.

Noticias web

27/01/2021