CRTVG

Buscar

Empate entre o Osasuna e o Huesca (1-1)

Publicado o 21/11/2020 14:14

Dous equipos aos que lles custa moito gañar, e que tiveron cadansúa parte para exhibirse.
Comezou o Huesca, cun gran primeiro tempo. Conseguiu adiantarse moi cedo nunha xogada froito dese dominio dos espazos que ilustrou sobre o verde do Sadar o equipo de Míchel.
Contra ben levada, desafortunado tamén despexe do porteiro, e acerto de Sandro Ramírez para transformar o rexeite en gol. O 0 a 1 no minuto 5.
Osasuna tivo moitísimos problemas, e Herrera grandes paradas, neste primeiro tempo para frear o Huesca, que saíu de inicio con tres galegos: Ínsua, Mosquera e Ferreiro.
Desacougado, o técnico Jagoba Arrasate acertaría cos seus cambios no segundo tempo.
A balanza mudou por completo, cunha melloría evidente do Osasuna.
Período de acoso e derribo abafante sobre a portería oscense, con grandes intervencións de Andrés Fernández. Así os navarros acadaron o empate no minuto 68. Foi tras un córner sacado en curto. Centro e remate de cabeza de David García. O defensa segue dándolle lustre á súa boa reputación no xogo por alto.
Ao Osasuna sóubolle a pouco o punto pero despois de dúas derrotas seguidas, consegue manterse na zona morna.
O Huesca segue sendo o único equipo que non coñece a vitoria. Non gaña pero non perde. Durmiu fóra do descenso grazas a 7 empates en 10 partidos.

 

Noticias web

21/11/2020