CRTVG

Buscar

Emigrantes retornados poderán pedir axudas polas perdas do confinamento

Publicado o 30/04/2021 17:25

Imos coñecer a Álvaro Montes. Hai tres anos decidiu volver a Galicia coa familia dende Venezuela, e hoxe dirixe o seu negocio de venda de almofadas antiengurras por Internet.

Fillo de galego e vasca, é un dos case 300 beneficiarios das axudas que a Xunta pon a disposición dos proxectos de emigrantes que retornan.

"Permitiume, naquel momento cando comecei, desenvolver prototipos, producir as primeiras almofadas e facer todo o material audiovisual para a páxina web", relata o director de Nunuku.com.

O programa financiou outras 94 iniciativas o pasado ano. Segundo Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, o obxectivo é colaborar no primeiro impulso, cando "todo é gastar e gastar, e non hai ingresos aínda para poder recuperar".

Este ano o orzamento é de 800.000 euros e poderanse solicitar tamén axudas para compensar as perdas causadas pola redución da actividade económica provocada pola pandemia.