CRTVG

Buscar

Eloy Jiménez anuncia un Lugo agresivo no derbi

Publicado o 29/11/2019 19:53

Eloy Jiménez quixo empezar a previa do derbi lembrando quen é o rival que o domingo visita o Anxo Carro. "Imos xogar contra o Deportivo da Coruña, que non é calquera equipo. Un equipo histórico, un equipo que, evidentemente, non está nun bo momento ou non empezou ben pero que ten moi bos xogadores e seguramente vai ser un partido moi complicado", sinalou o adestrador.

Por iso o técnico anuncia un Lugo agresivo dende o mesmo comezo do partido: "Temos que saír dende o minuto 0 a polo rival e non especular e ir con valentía".

O Lugo sácalle 9 puntos na clasificación a un Deportivo que leva 16 xornadas sen gañar. Pero Eloy non quere saber de favoritismo. "Nos derbis nunca hai un favorito. Xoguei derbis estando peor clasificado có rival e gañei e outras veces ao contrario. Ao final iguálase todo e o equipo que baixe un pouco os brazos coa intensidade que se afronta e coa motivación que hai o rival pode superarte", di o técnico lugués.

Os que non poderán achegar intensidade ao derbi serán os mancados Gerard Valentín, Borja Domínguez e Canella. O domingo no Anxo Carro toca derbi de necesitados.

Noticias web

29/11/2019