CRTVG

Buscar

Eloy Jiménez, adestrador do Lugo

Publicado o 21/04/2019 21:32

O manchego é o sétimo técnico da era Tino Saqués

O Lugo ten novo adestrador. Chámase Eloy Jiménez, ten 47 anos, e vai ser presentado nas vindeiras horas como técnico ata final de temporada.

Eloy debutará como adestrador en segunda división, curiosamente nas Palmas, equipo en que xogou cinco temporadas, disputou 166 partidos oficiais e marcou 58 goles, dous deles ao Lugo.
A súa experiencia como técnico limítase ao Hellín en terceira e ao Conquese, La Roda, UCAM Murcia, Mérida e Fuenlabrada en segunda B.

Eloy chega ao Lugo para reactivar a un equipo en postos de descenso e no que os xogadores reclaman unidade.

Cristian Herrera, C.D. Lugo: "O que queira estar, que estea co Lugo a morte, nós estamos comprometidos e estamos deixando os ovos e imos seguir deixándoos para sacar isto adiante, nós esperamos o mesmo da xente e crean que imos moi fodidos á casa, pola situación do equipo, temos que seguir mellorando cousas, pero é momento de non aforrar esforzos, que ninguén se agache e dalo todo".

Campabadal, C.D. Lugo: "Os dous últimos partidos foron unha mostra do que temos que facer, ser un equipo compacto, un equipo unido entre a defensa e a dianteira".

A derrota ante o Granada precipitou o cesamento de Monteagudo, que presentou un balance de catro vitorias, dez empates e nove derrotas na Liga. Coa súa fichaxe, Eloy convértese no sétimo adestrador en catro temporadas de Saqués na presidencia. 

Unha presidencia que comezou con Luis Milla, ao que seguiron Xosé Durán, Luis César Francisco, Javi López e Monteagudo. Dos seis adestradores, tres foron cesados.

Noticias web

21/04/2019