CRTVG

Buscar

Elnosa comeza o desmantelamento das súas instalacións en Pontevedra

Publicado o 13/04/2020 14:44
Elnosa comeza o desmantelamento das súas instalacións en Pontevedra

A compañía electroquímica Elnosa iniciou os traballos para desmantelar a súa fábrica de Lourizán (Pontevedra), pechada a finais de 2018 tras non poder adaptar a súa produción ás directivas ambientais da Unión Europea.

O grupo portugués  Bondalti, propietario de  Elnosa, investirá uns 528.000 euros na primeira fase deste proceso de demolición, que afectará a un espazo duns 13.000 metros cadrados e durará uns seis meses. 

O Concello de Pontevedra concedeu este luns a licenza para a realización destes traballos, despois de que a empresa obtivera os informes favorables dos departamentos de Medio Ambiente e Costas do Estado.

As obras de desmantelamento, segundo consta no proxecto presentado, afectará todas as instalacións salvo o edificio de oficinas, os tanques onde se almacena o ácido clorhídrico, a depuradora, o decantador de salmoira e a rede de augas residuais.

Todos estes equipamentos serán necesarios para poder abordar a posterior descontaminación de todo o solo que ocupaba a fábrica pontevedresa.

Entre outras construcións, demoleranse xa a planta de tratamento, os vestiarios, a zona de lavadora, os talleres, a sala de  compresores, a nave de almacenamento de sal e cloro, os depósitos de sosa e todo o sistema de tubaxes, filtros e decantadores.

Elnosa xa eliminou todo o  mercurio dos terreos, porque a súa presenza sería "incompatible", segundo explicou a concelleira pontevedresa Carme da Silva, con este proceso de demolición ao ser "altamente contaminante".

A compañía deberá emitir informes periódicos sobre como avanza o seu desmantelamento e compartir coas autoridades os datos sobre a posible emisión de contaminantes á atmosfera ou ao emisario submarino.

Ademais, terá que contactar cun xestor autorizado para o tratamento do amianto ou outros residuos perigosos que haxa nas instalacións.

Da Silva celebrou a "boa noticia" que supón dar este "importante paso" para recuperar a ría de Pontevedra.