CRTVG

Buscar

Elisardo Becoña: "O fumador non ve os efectos na saúde ata que leva 20 ou 30 anos fumando"

Publicado o 05/11/2019 11:34

Elisardo Becoña, catedrático de Psicoloxia Clínica e responsable da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Adictivos da USC, visitou o estudio do 'Bos días' para falar da adición ao tabaco e de como erradicala.

Sobre a dificultade de deixar de fumar, Elisardo Becoña di que "primeiro hai que propoñerse facelo. É cuestion de vontade e tamén de forzar esa vontade. A persoa debe darse de conta de que ten que deixar de fumar pola súa saúde".

Becoña fala tamén do prezo do tabaco: "En España o prezo segue sendo moi baixo en comparación con outros países. Cada 5% que se sobe o prezo do tabaco baixa un 2% o número de fumadores, entón unha das mellores medidas para que a xente deixe de fumar é subir o prezo do tabaco. Tamén impedir que se poida fumar en lugares publicos, facilitar procesos de abandono... E haino que facer porque é a primeira causa evitable de mortalidade. A día de hoxe seguen morrendo 52.000 persoas prematuramente cada día".

En canto á publicidade, Elisardo Becoña explica que, principalmente, "as mensaxes van dirixidas aos adolescentes e aos que deixaron de fumar para conseguir que recaian".

Elisardo Becoña tamén asegura que "o fumador non ve os efectos na saúde ata que leva 20 ou 30 anos fumando e nese momento ten xa unha forte dependencia e cústalle o abandono. Aínda así, os humanos caracterizámonos por ter prioridades na nosa vida e cando hai un problema de saúde a persoa pensa que debe deixar de fumar, e iso leva a que moitos o deixen e a que moitos outros busquen axuda".

O catedrático fala tamén dun programa que desenvolve a USC que está baseado na psicoloxía da conduta para mudar o hábito do tabaquismo.

"Fumar é unha conduta que se adquire e podemos desaprender esa conduta. O que facermos nós é, en 6 ou 8 sesións, traballar para que a xente aprenda unha serie de estratexias que lle permitan perder a dependencia fisiolóxica da nicotina, perder a presión social ao consumo, cambiar hábitos novos...".

E sobre a síndrome da abstinencia, Becoña explica que "o abandono é duro se é de golpe, así que hai que utilizar estratexias. Para que non haxa síndrome de abstinencia o que facemos é un sistema pautado de cambio de marcas. Tamén controlamos o baixo estado de ánimo con técnicas para que busquen o positivo e o agradable e cambien a outro tipo de situacións".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/11/2019