CRTVG

Buscar

Galicia elimina as diferenzas entre concellos e amplía a ocupación máxima permitida

Publicado o 09/10/2021 11:58

A chamada "nova normalidade" ábrese camiño en Galicia esta fin de semana. O Diario Oficial de Galicia publicou o venres as novas normas que van rexer a partir de agora.

A principal novidade é a eliminación das diferenciacións baseadas no nivel de restrición en que se atopan os concellos. Segundo especifica a orde da consellería de Sanidade, "na medida en que a totalidade dos concellos galegos se atopan no nivel medio-baixo de restricións, perde sentido o establecemento de distincións que atendan a esta circunstancia".

Do mesmo xeito, revísanse as medidas xerais e por sectores de actividade, "coa finalidade de que a súa aplicación sexa proporcionada e se corresponda coa situación epidemiolóxica actual".

Ocupacións 

Con carácter xeral, amplíase a ocupación máxima permitida no desenvolvemento de distintas actividades, que chega en moitas circunstancias ao 90 %. "É o caso dos lugares de culto, dos establecementos e locais comerciais retallistas e das actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais".

Os mercados que desenvolvan a súa actividade na vía pública e que teñan máis de 250 postos autorizados poderán dispor do 90 % dos postos habituais ou autorizados. Do mesmo xeito, "as actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regulado e centros de formación tamén poderán desenvolver a súa actividade ao noventa por cento da súa capacidade".

No que atinxe á realización de actos e reunións laborais, institucionais, académicas ou profesionais, congresos e outros eventos, "permítese unha ocupación máxima do noventa por cento, sempre que o público asistente permaneza sentado".

Instalacións deportivas

Na mesma liña, posibilítase que as instalacións deportivas poidan dispoñer do 90 % da súa capacidade e elimínanse, ademais, as restricións de grupos nas actividades deportivas.

Nas bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais, "restablécese a actividade co 90 % da capacidade, ao tempo que se eliminan as restricións nas actividades grupais".

Espectáculos

No que atinxe a cines, teatros, auditorios e espazos similares, onde se desenvolven espectáculos con público sentado, "poderán desenvolverse sen superar o 90 % da capacidade permitida. Naquelas actividades que teñan lugar con público de pé, non se poderá superar o 50 % da capacidade máxima".

Por outra banda, a celebración dos espectáculos musicais e artísticos ao aire libre organizados con público de pé poderán desenvolverse sen superar o 66 % da superficie útil do recinto, "mentres que os organizados con público sentado poderán desenvolverse cunha capacidade máxima do 90 %".

Centros de lecer infantil

Nos centros de lecer infantil, amplíase a ocupación máxima para as súas actividades ata o 90 % e elimínase a limitación de grupos. "Tamén se aumenta a ocupación máxima dos centros sociocomunitarios, centros cívicos, centros de convivencia, centros sociais e demais de natureza análoga, que pasa a ser do 90 %".

Increméntase ao 75 % a capacidade máxima permitida das zonas comúns de hoteis, albergues e aloxamentos turísticos e "ao 100 % os límites de ocupación nas atraccións de feira, sempre que, polas súas características e configuración, quede garantido en todo momento o mantemento da distancia de seguridade interpersoal entre as persoas usuarias. No resto dos casos, a capacidade máxima permitida será do 75 %".

Transporte

En materia de transporte, nos vehículos e nas embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé establécese como límite de ocupación máxima o 75 % destas prazas, e "os taxis e vehículos VTC poderán prestar servizos de transporte para tantas persoas como prazas teña o vehículo".

Hostalería e lecer nocturno

A orde tamén establece modificacións aplicables aos establecementos de hostalaría e restauración. Por unha banda, increméntanse as capacidades máximas permitidas, que ascenden ata o 75 % nos interiores dos establecementos do nivel 1C (aplicable por defecto a todos os locais) e ata o 90 % no interior dos establecementos do nivel 2C (con medidas adicionais para garantir unha maior seguridade).

Auméntanse, ademais, ata o 90 % a capacidade máxima permitida no exterior dos locais do nivel 1C e mantense o 100 % da capacidade máxima permitida no exterior dos de nivel 2C.

Tamén se eleva "a ocupación máxima permitida por mesa ou agrupación de mesas, que pasa a ser de dez persoas no interior e vinte persoas na terraza. Os mesmos grupos de usuarios se establecen tamén para o lecer nocturno, no que atinxe á ocupación de mesas ou grupos de mesas".

Noticias web

09/10/2021