CRTVG

Buscar

Os veciños dos núcleos de menos de 5.000 habitantes saen á rúa sen mirar o reloxo

Publicado o 08/05/2020 14:29

Ourense cidade ás nove e media da mañá. Na rúa, podemos ver xente que está traballando, que vai facer a compra ou ao banco, deportistas e paseantes de máis de 14 anos e menos de setenta. Aquí, coma no resto das localidades galegas de máis de 5.000 habitantes, aínda hai que respectar as franxas horarias.

"Non me parece prudente que quiten as franxas horarias". "Deberiamos poder saír todos, mantendo as distancias de seguridade". "A desescalada ten que ser moi gradual, se non, en dous días estamos igual". "Nós vivimos nun sitio de menos de cinco mil habitantes, agora baixamos ao médico, entón...".

Ás aforas da cidade, pero dentro aínda do concello de Ourense, a situación mudou hoxe. Os barrios e parroquias con menos de 5.000 habitantes, están exentos de franxas horarias. É o caso de Seixalbo, menos de mil e ambiente rural. 

 "Aquí o risco é moi pequeno, así que paréceme ben". "Non sei que lle diga. Eu non estou tranquila. A xente non garda moito".

Se en cidades coma Vigo, A Coruña ou Lugo están habilitando novas zonas peonís para garantir que se respecten as distancias sociais nos momentos de máxima afluencia, aquí, en Seixalbo e lugares semellantes non hai dificultade para manter a separación.

"Paréceme ben, porque aquí somos tan pouquiños...". "Ata que teñamos un pouco máis de seguridade, igual é algo apurado".

En Galicia hai máis de 3.700 parroquias con menos de cinco mil habitantes, arredor dun millón e medio de galegos que poden saír cando queiran, respectando iso si, as distancias de seguridade.

 

Noticias web

08/05/2020