CRTVG

Buscar

Elevan a xuízo oral unha nova causa por corrupción da ex-presidenta arxentina

Publicado o 05/10/2018 08:52

A ex-presidenta arxentina e actual senadora nacional, Cristina Fernández de Kirchner, sentará no banco dos acusados xunto aos seus fillos Máximo e Florencia Kirchner por un presunto delito de lavado de cartos a través da inmobiliaria familiar Los Sauces. Un novo golpe xudicial para a ex-mandataria, que con esta xa está procesada en seis causas, na súa maioría por presunta corrupción, e catro delas xa foron elevadas a xuízo.

O xuíz acusa a Fernández de Kirchner de dirixir entre o 2009 e o 2016 un esquema estable e permanente de reciclaxe de fondos de orixe ilícito. É dicir, a través da inmobiliaria Los Sauces a familia ex-presidencial recibía subornos de contratistas do Estado afíns simulados como alugueiros co único obxectivo de subtraer e apoderarse de millonarios fondos públicos.

Este será o primeiro xuízo por corrupción que afronten os fillos dos Kirchner, Máximo e Florencia. El, deputado nacional de 41 anos, está acusado como organizador, e ela, de 28, como integrante da asociación ilícita despois do falecemento do pai, o tamén ex-presidente Néstor Kirchner.

O 2019, ano de eleccións presidenciais na Arxentina, será tamén o das comparecencias de Fernández de Kirchner nos Tribunais para asistir aos catro xuízos na súa contra que ten pendentes.



 

Noticias web

05/10/2018