CRTVG

Buscar

Elena Rivo, economista: "Cando se fala de desaceleración saltan as alarmas pero hai que ser prudentes"

Publicado o 23/08/2019 11:14

 

Elena Rivo, experta en empresas e economía, Profesora de ADE na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo en Ourense, estivo este venres no plató do Bos Días para analizar a situación económica, na que comezan a verse signos preocupantes. Non obstante, a profesora Rivo cre que "a nivel galego temos que ter un pouco de calma e de prudencia. O ano 2018 foi moi bo ano, polo que cando vas por unha estrada a 120 e pasas a ir a 100 claro que desaceleras, pero non significa que entremos nunha crise".

A situación de Alemaña, que sempre funciona como locomotora europea, a incerteza creada polo Breixt ou os movementos dalgúns bancos centrais para reducir tipos de xuro, trasladan intranquilidade aos mercados, pero Elena Rivo cre que se debe ter calma: "Eu penso que estamos moi preocupados pola crise que pasamos, e cando se fala de desaceleración saltan todas as alarmas. Creo que hai que tomar os datos con prudencia e calma porque as cifras non son tan alarmantes".

Un dos datos preocupantes é o da caída das exportacións: "Cando falabamos desas cifras hai que pensar que non son iguais para todos os sectores. Falamos que pode haber unha incerteza polo Brexit, Alemaña, incluso Italia. Hai empresas galegas, incluso empresas familiares que están vendeno no mercado asiático moito máis que no ano anterior. Non todos os sectores depeden tanto de Europa", asegurou.

Para a esta economista as empresas fixeron un gran esforzo e por iso están mellor preparadas agora para o que poida ocorrer: "A crise que pasamos para as empresas en xeral, e en concreto para as empresas familiares que eu coñezo máis, -afirmou-, obrigou a un esforzo importante na redución de custos e na internacionalización, e non dependen tanto do mercado nacional, incluso o europeo". E se hai que poñer exemplos:  "Os asteleiros, o sector agroalimentario... en xeral todas as empresas fixeron un esforzo moi importante".

Elena Rivo explica que os resultados que agora mesmo están tendo as empresas non son forito dun día: "Levan moito tempo traballando. A internacionalización non é tarefa dun mes ou dun ano. É un camiño que xa non ten marcha atrás".
 Ese mesmo traballo tamén se aplica a expectativas respecto ao Brexit. Para esta profesora o que poida pasar non lles vai coller por sorpresa: "O mercado inglés é un mercado importante, pero o Brexit non é unha nova recente. Levamos tempo falando de que podería suceder e as empresas xa están tomando medidas a ese respecto, que poderían facer para seguir exportando a eses países".

En canto a situación política, e a ausencia de Goberno, Elena Rivo quere ser prudente, pero no que respecta á reclamación da débeda do Estado coas comunidades cre que a mellor solución é a do pacto: "O que fala todo o mundo é que como non hai presupostos de 2019, iso afecta á reclamación da débeda. Tería que haber un consenso político para poder adiantar iso, e sería a saída máis rápida. A reclamación xudicial ou mudar o financiamento, son procesos que demoran máis", asegurou.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí