CRTVG

Buscar

Biden prioriza a loita contra o coronavirus mentres Trump queda só na súa denuncia

Publicado o 09/11/2020 08:25

Joe Biden avazou cales serán as súas liñas de goberno e hoxe mesmo formará xa o equipo de loita contra a pandemia de coronavirus, que se espalla sen control no país. Trump vai quedando só na súa denuncia de irregulariedades electorais. O anterior presidente republicano, George W Bush, declarou que os resultados están claros e felicitou o novo equipo presidencial.

O que se perfila como o segundo presidente católico dos Estados Unidos tras Jonh Kennedy mantivo o seu costume de ir á misa en domingo á igrexa próxima á súa casa, en Delaware. Joe Biden tamén visitou o cemiterio onde ten enterrados dous fillos e a súa primeira muller. Un momento de recollemento íntimo que contrasta coa celebración da súa victoria, cun eufórico discurso en que avanzou xa as súas priodades de goberno. Este mesmo luns formará un grupo de traballo para loitar contra a desbocada expansión do coronavirus no país. Asegurou que a estratexia estará baseada na evidencia científica.

O anterior presidente republicano George W. Bush felicitou a Joe Biden e Kamala Harris pola súa victoria e destacou a relevancia histórica desta nova vicepresidenta. A maiores, Bush asegurou no mesmo comunicado oficial que o resultado das eleccións está claro.

Pero o que non está confirmado é se o equipo saínte cooperará no traspaso de poderes, pois Donald Trump continúa sen recoñecer a súa derrota e os estados clave aínda andan contando votos. Polo de agora non están totalmente definidas as maiorías no Congreso e no Senado, que determinan se Biden podería gobernar comodamente ou non.

A toma de posesión para a vindeira lexislatura está programada para dentro de dous meses, o 20 de xaneiro, e todo indica que, a pesar dos esforzos de Trump, o demócrata Joe Biden será o presidente número 46 dos Estados Unidos. 

Noticias web

09/11/2020