CRTVG

Buscar

Biden toca a presidencia dos Estados Unidos e Trump mantense nas acusacións de fraude

Publicado o 06/11/2020 08:36

Joe Biden toca a presidencia do Estados Unidos pero o escrutinio non dá rematado, especialmente pola gran cantidade de voto por correo emitido. O demócrata recurta a distancia en Pensilvania e Georgia, pero Trump mantense nas acusacións de fraude que cuestionan a base do sistema democrático no país, nun discurso que indignou e acendeu os ánimos de partidarios e detractores do actual presidente.

Donald Trump non se dá por vencido e dende a mesma Casa Branca cuestionou o sistema electoral estadounidense e denunciou unha suposta manobra de grandes medios, grandes fortunas e empresas tecnolóxicas que di que lle queren roubar a presidencia.

Pero polo de agora, os tribunais non admiten as súas denuncias: un xuíz desestimou deter o reconto e revisar papeletas de Michigan, outro rexeitou a petición de localizar e invalidar votos presuntamente emitidos fóra de prazo en Xeorxia.

A forte aposta de Trump para seguir no cargo, expresada no discurso ata o de agora máis deostado da súa traxectoria, indignou mesmo prominentes republicanos. Entre eles, Mit Romney, o seu predecesor no partido e senador por Utah, quen remarcou que contar cada voto está no corazón da democracia.

Con todo, as acusacións de fraude si que prenderon en simpatizantes de Trump por todo o país, que se botaron á rúa en ducias de cidades pedindo ou ben contar todos os votos ou ben parar o escrutinio.

O proceso funciona, asegura Joe Biden, que pide calma.

O candidato demócrata fai esta declaración coa confianza que lle van dando os resultados do escrutinio, pois segundo avanza acurta a distancia nos estados clave de Xeorxia e Pensilvania. Fan falla 270 electores, e Biden está nos 253, mentres Trump leva pouco máis de 210. 

Noticias web

06/11/2020