Eleccións dos EUA: unha vitoria rifada nun país dividido
A carreira electoral cara á Casa Branca foi tan rifada e axustada como se auguraba. A noite electoral do 3-N remataba sen saber quen sería o novo presidente. Finalmente o lento reconto do voto por correo deixa un resultado algo paradoxal.
"Trump, por estraño que pareza, mellorou considerablemente o seu voto entre as minorías, latinos, afroamericanos, mulleres. Todos estes grupos votaron máis a Trump que hai catro anos. Iso é inquietante para os demócratas porque significa que o enfoque da súa campaña e incluso da súa oposición ideolóxica actual podería ser equivocada. En canto aos republicanos tampouco teñen de que felicitarse, perderon a presidencia, iso é moi grave, pero ademais teñen a Trump e iso é un problema", di o xornalista Miguel Anxo Murado.
O empeño de Donald Trump en insistir, sen probas, na existencia de fraude electoral e a decisión de impugnar o voto por correo, advirten os analistas, non resta lexitimidade ao resultado dos comicios.
"Trump non ten ningunha posibilidade, na miña opinión, de reverter os resultados nos tribunais", afirma Murado ao tempo que explica que a vitoria dos demócratas sabe algo a decepción, pois "perden posicións na Cámara Baixa, pode ser que non consigan o control do Senado, e iso é grave, se non teñen o Senado non poderán facer gran cousa e poden ser catro anos perdidos".
Murado ve posible que unha muller presida os Estados Unidos antes do remate da lexislatura porque Biden abandone a Casa Branca. "Non está moi ben fisicamente. De feito, xa se apuntaba a idea de que á metade da lexislatura Kamala Harris, a súa vicepresidenta pase a presidir os Estados Unidos"