CRTVG

Buscar

Elaboran conservas con base de mexillón na única provincia sen costa

Publicado o 21/10/2021 19:37

Doce conservas distintas vencelladas aos sabores do Camiño de Santiago. Iso é o que fai unha empresa familiar en Esgos, cun ingrediente esencial do máis insospeitado.  A 113 quilómetros do porto marítimo máis próximo elaboran todo tipo de conservas empregando como base os mexillóns de Galicia. Fano seguindo estritamente os protocolos da produción ecolóxica e é froito da colaboración entre dúas empresas, co cal resulta máis sustentable.

Doce camiños a Santiago e unha receita a base de mexillón asociada a cada un deles. Foi a idea destes empresarios que dende Esgos puxeron en marcha o proxecto hai un ano, en plena pandemia. Agora xa teñen máis de cen puntos de venda e todo grazas a un produto de primeira calidade procedente do mar e que, curiosamente, se elabora na única provincia galega que non ten costa. Todos os procesos e produtos empregados son ecolóxicos ao cen por cento.

"Hoxe as distancias non existen. Nós traemos o mexillón de Arousa e elaboramos aquí as doce referencias en ecolóxico", explica Manuel Fernández, xerente de Sabores do Camiño.

Garavanzos, lentellas e ata mel é posible combinar cos mexillóns para crear estas conservas vencelladas ás rutas xacobeas de Galicia. Os produtos fanse en colaboración con outra pequena conserveira especializada en caracois e doces. Así, optimízanse as instalacións ao compartir recursos e conséguense produtos de alta calidade e diferenciados, que son os únicos cos que, aseguran, se pode competir dende o rural.

"Non utilizamos conservantes. Todo e ecolóxico e tratamos o mellor posible o produto", di Carlos Rodríguez, xerente de Mareterra.

En só un ano, empregaron 3.000 quilos de mexillón. Tendo en conta que agás a esterilización dos envases, todo o proceso de elaboración e envasado se fai de xeito artesanal, as horas e traballo son cuantiosas.

Noticias web

21/10/2021