EH Bildu facilitará un goberno socialista en Navarra
• Sánchez reunirase con colectivos sociales para convencer a Podemos dun goberno á portuguesa
• O socialista Lambán, elixido presidente de Aragón co apoio de cinco partidos
O 75% dos militantes de Bildu apoia a abstención na investidura de María Chivite. A decisión permitiralle á socialista facerse coa presidencia de Navarra na segunda votación do venres, grazas ao seu pacto con Geroa Bai, Podemos e Izquierda Ezquerra. O PP considera moralmente inaceptable beneficiarse da abstención dun partido que non condena a violencia. A voceira popular no Congreso instaba a opinar os baróns socialistas.
Cayetana Álvarez de Toledo, voceira do PP no Congreso, animábaos "a que digan se lles parece decente e razoable que o Partido Socialista acade o poder nunha comunidade cos votos dun partido que considera que existe un dereito a causar dor e sufrimento" Isabel Celaá, voceira do Goberno en funcións, respondeu que "o Partido Socialista non pactou con Bildu. E hai demasiada impudicia, demasiada impostura nisto. O Partido Popular pactou con Bildu en distintos lugares sempre que lle conveu"
Sobre a outra investidura, a nacional, Pedro Sánchez envioulles unha carta aos militantes coa súa nova estratexia. Vaise reunir con sindicatos e movementos sociais para construir unha oferta programática coa que presionar a Unidas Podemos para que apoien a súa investidura sen entrar no executivo. Nos vindeiros días tamén falará, pero fóra dos focos, cos demais líderes políticos. Isabel Celaá di que non intentarán a investidura se non ven auga na piscina.