CRTVG

Buscar

Anuncian avances dun medicamento contra a COVID-19 cuestionado por outro estudo

Publicado o 30/04/2020 07:28
Anuncian avances dun medicamento contra a COVID-19 cuestionado por outro estudo

A administración dos Estados Unidos mostrouse este mércores optimista sobre o uso do medicamento antiviral Remdesivir como tratamento para COVID-19 tras completar un primeiro ensaio, a pesar de que o seu propio fabricante, Gilead, advertiu que aínda non se probou que sexa seguro e outros estudos indican que a súa eficacia non está clara.

En momentos en que os EUA batallan para conter o aumento dos contaxios, que superan o millón, un pouco menos da terceira parte dos 3.173.036 casos no mundo, os Institutos Nacionais de Saúde (NIH, en inglés) anunciaron que completaran unha primeira proba con Remdesivir, desenvolto pola empresa de biotecnoloxía Gilead Sciences.

Os NIH informaron de que os pacientes hospitalizados con COVID-19 aos que se lles administrou Remdesivir (en total 1.063 enfermos) tiveron unha recuperación un 31 % máis rápida, en concreto 11 días, que os que recibiron placebo, que tardaron en recuperarse unha media de quince días. Segundo eses resultados preliminares, a taxa de mortalidade nos que tomaron Remdesivir foi do 8 % fronte ao 11,6 % dos que consumiron placebo.

Un dos maiores expertos da Casa Branca na loita contra a pandemia, Anthony Fauci, director do Instituto Nacional de Alerxia e Enfermidades Infecciosas (NIAID, en inglés), dependente dos NIH, considerou este anuncio como "boas noticias". "O que demostrou é que é un medicamento que pode bloquear este virus", resaltou o  epidemiólogo.

Pola súa banda, o presidente dos EUA, Donald Trump, expresou o seu desexo de que a Administración de Alimentos e Medicamentos (FDA, en inglés) dea o seu visto e prace ao antiviral canto antes para que poida ser empregado fronte ao coronavirus.

A FDA sinalou este mércores que estivo levando a cabo conversas "continuadas e sostidas" con  Gilead para facer que Remdesivir estea dispoñible para os pacientes da COVID-19 "o máis rápido e adecuadamente posible".

A pesar destas promesas das autoridades, Gilead, con sede en California, mostrouse máis cauta e salientou que Remdesivir non ten licenza nin se aprobou en ningures no mundo "e aínda non se demostrou que sexa seguro ou efectivo para o tratamento da COVID-19".

"Gilead compartirá en breve os datos adicionais sobre Remdesivir a partir das probas da compañía con COVID-19 grave", engadiu o comunicado da empresa. "Este estudo proporcionará información acerca de se un tratamento máis breve, de cinco días de duración, pode ter unha eficacia e seguridade similares ao tratamento de dez días na proba de NIAID e outras en curso".

A firma indicou que espera ter para finais de maio datos dun segundo estudo de avaliación da eficacia de dose de cinco e dez días en pacientes con COVID-19 moderada.

Remdesivir non foi aprobado para o tratamento de enfermidade ningunha, pero xa se usou tamén de maneira experimental con pacientes afectados por ébola.

De feito, un estudo publicado pola revista médica británica The Lancet sobre un ensaio aleatorizado controlado con Remdesivir, que se levou a cabo en hospitais de Wuhan (A China), suxire que este medicamento “non está asociado con beneficios clínicos significativos”.

O tratamento non acelerou a recuperación de pacientes nin reduciu os falecementos se se compara coa administración dun placebo, detallou a publicación sobre o estudo desenvolvido do 6 ao 12 de marzo con 237 maiores de idade, aínda que o obxectivo eran 435, indica a análise.

A carreira para lograr un tratamento contra a COVID-19 prodúcese no medio dunha importante deterioración da economía dos EUA e os temores a unha posible recaída, mentres varios estados do país están "a reabrir" as súas actividades.

Este martes Fauci alertou nunha entrevista coa cadea CNN de que é "inevitable" unha segunda rolda da pandemia e que o país pode chegar a afrontar "un mal outono e un mal inverno" se non se adoptan medidas contra o virus.

Precisamente este xoves expiran as medidas de distanciamento social establecidas pola Administración Trump, que xa indicou que se "irán esvaecendo", en resposta a unha pregunta dun reporteiro na Casa Branca sobre se ía estendelas.