CRTVG

Buscar

Os EUA dan por rematada a súa misión en Afganistán, tras 20 anos de guerra

Publicado o 30/08/2021 23:09

Había présa por marchar e o derradeiro voo con militares estadoudinenses engalaba un minuto antes da medianoite na capital afgá, ás tres e 29 da tarde no horario da Costa Leste de Estados Unidos, antes da data tope.

Unha marcha que os talibáns celebraron con disparos ao aire en Kabul. A través deste comunicado do voceiro do réxime en twitter, os talibáns proclamaron a independencia total do país.

Non foi o presidente Biden quen fixo o anuncio do final da misión, senón o xefe do comando central, o xeneral Kenneth McKenzie: "Estou aquí para anunciar a finalización da nosa retirada de Afganistán ao concluír a misión de evacuar cidadáns estadounidenses, de terceras nacións e afgáns vulnerables".

Mediante un comunicado difundido pola Casa Branca, o presidente confirmaba o final da misión, agradecía aos mandos militares e ás tropas a súa coraxe, profesionalidade e resolución e anunciaba que nas próximas horas se dirixirá á nación para explicar a súa decisión de non apurar o prazo para a retirada, por recomendación do Alto Estado Maior.

Remata así un conflito bélico que se iniciaba coa invasión dos Estados Unidos e os seus aliados o 7 de outubro de 2001, tras os atentados do 11-S. Unha guerra que acabou con Osama Bin Laden pero tamén con preto de 2.500 soldados e incalculables vidas civís.

Nos últimos 18 días, os avións estadounidenses evacuaron a preto de 120.000 persoas, uns 6.000 nacionais. A dúbida é agora qué pasará cos 250 nacionais que aínda seguen alá e os milleiros de afgáns que cooperaron con Estados Unidos.

O secretario de Estado anunciou que agora trasladan a misión diplomática a Doha, en Qatar. A Casa Branca asegura que os talibáns se comprometeron a permitir a saída segura do remanente de estadounidenses que quedan en Afganistán. Di Biden que a comunidade internacional se encargará de que cumpran o prometido.
 

Noticias web

30/08/2021