Edugal, punto de encontro en Pontevedra entre a educación e o mercado de traballo
Axudar a orientar, enfocar e finalmente decidir con éxito o futuro formativo e profesional. Esa é a principal meta de Edugal, un punto de encontro para docentes e estudantes que este ano chega á súa décima edición.
E faino sen resentirse da pandemia, coa mesma previsión en canto ao número de visitantes e coa mesma presenza de expositores, uns 60 doutros tantos centros.
"Teñen toda esta oferta educativa onde van poder elixir a súa formación e logo tamén a saída laboral", explica Conchi Pereiro, directora de Edugal.
Porque outro dos obxectivos deste evento é servir de ponte entre o mundo do ensino e o do traballo, facer que os dous ámbitos se encontren e rachar falsas crenzas. Así, por exemplo, os enxeñeiros de minas explican, con talleres como este, que o seu non só vai de traballar nas canteiras.
"A xente asocia o grao a traballar en minas ou canteiras cando é moito máis: bioloxía, nanotecnoloxía... un amplo abano de posibilidades", di Santiago Pozo, subdirector da Escola de Enxeñería de Enerxía e Minas da Universidade de Vigo.
Posibilidades que tamén ten o mundo da automoción, onde Carmen e Yanire atoparon o seu camiño e agora son, ademais de nai e filla, compañeiras de clase.
"Ela compleméntame a min e eu a ela na clase, axudámonos moito", di Carmen González, que engade que "as mulleres podemos traballar en moitas máis cousas que ás veces cremos que non imos dar".
Ademais da exposición e das demostracións, desde hoxe e ata o venres, Edugal acollerá obradoiros e debates para clarificar as opcións educativas das que dispón o estudantado galego.