CRTVG

Buscar

Educación investiga denuncias por acoso sexual na Escola de Arte Dramática de Vigo

Publicado o 06/03/2020 17:03

• As alumnas que denunciaron o persoal docente reciben o apoio das profesoras

Educación investiga denuncias por acoso sexual na Escola de Arte Dramática de Vigo

A Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional confirmou este venres que se está facendo un "seguimento" tras ter coñecemento das denuncias de alumnas da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), con sede en Vigo, que afirmaron sufrir acoso sexual por parte de persoal docente. Alumnos deste centro, con apoio das profesoras, iniciaron un calendario de protestas e paros para denunciar esa situación, e a Xunta precisou que "a xefatura territorial, en canto tivo coñecemento da protesta estudantil, enviou dúas inspectoras ao centro".

Fontes de Educación confirmaron que estas inspectoras se entrevistaron "tanto co equipo directivo como co alumnado, con quen se asumiu o compromiso de facer seguimento do caso". "De feito, hoxe mesmo celebrouse unha reunión co alumnado, representantes do centro e da Inspección", apuntaron as mesmas fontes. Pola súa banda, as profesoras da escola participaron este venres nunha concentración cos alumnos, para expresarlles o seu "total apoio" e unha portavoz leu un comunicado en que lembraba que os docentes teñen a obriga de ofrecer "unha contorna segura" onde os seus alumnos poidan exercer o seu dereito á educación.

Tamén se fixeron eco das denuncias do alumnado sobre "prácticas execrables durante o exercicio docente, especialmente avergonzantes", e sumáronse á esixencia dos estudantes de que se aparte da docencia a quen estea implicado, "con efecto inmediato, aínda que sexa de modo preventivo". A preguntas dos medios, esta profesora, que non detallou cantos profesores ou alumnas estarían involucrados neses supostos abusos, asegurou que "non foron episodios puntuais", xa que tamén ex-alumnas confirmaron "comportamentos que exceden meros comentarios" e supoñen "violencia contra as mulleres" que estudan no centro.