CRTVG

Buscar

Educación infantil e pedagoxía terapéutica son as especialidades con máis prazas nas oposicións de Educación

Publicado o 18/02/2020 14:52

Educación infantil e pedagoxía terapéutica encabezan a lista de especialidades con máis prazas na oferta pública de emprego de ensino, con 150 postos cada unha.

En total, a Xunta presentou aos sindicatos as prazas para 97 especialidades diferentes, entre as que se inclúe a de portugués, para o vindeiro concurso-oposición.

José Manuel Pinal, director xeral de Centros: "Con isto tratamos de diminuír a taxa de interinidade. Esperamos que despois da celebración do proceso chegue ao 5% e continúe a ser a máis baixa de España".

Comisións Obreiras, UXT e ANPE valoran o número de prazas, pero na CIG, o sindicato maioritario entre os docentes, cren que non vai mellorar o sistema educativo. Todos rexeitan que se convoquen prazas en sete especialidades de conservatorio que non estaban anunciadas, polo escaso tempo para preparar as probas, e piden un proceso selectivo que atenda a situación do persoal interino.

Suso Bermello, secretario nacional de CIG Ensino: "O 80% das persoas que aprobaron as oposicións traballaron menos de cinco anos. Isto indica que o sistema non está pensado en absoluto para o que se dixo que ía estar, que era a consolidación dos postos de traballo".

Está previsto que o proceso selectivo, cun total de 3.654 prazas, comece o 20 de xuño e remate a finais de xullo.

 

Noticias web

18/02/2020