CRTVG

Buscar

Educación propón un permiso retribuído ou baixa para pais con fillos en corentena

Publicado o 26/08/2020 12:35

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, avanzou este mércores que se está estudando a posta en marcha dun permiso retribuído ou baixa para aqueles pais cuxos fillos teñan que gardar corentena pola covid-19: "Son fórmulas que habemos de articular".

Nunha entrevista á Cadena Ser, Celaá lembrou que ao principio da pandemia xa se usou a fórmula do permiso retribuído porque, en caso de ter que gardar corentena, "se hai un menor debe estar acompañado dunha persona adulta".

A ministra tamén indicou que se pedirá "unha declaración responsable aos pais" para que os seus fillos vaian a colexio sen febre.

"A saúde e a seguridade empeza desde a casa", asegurou Celaá que, en calquera caso, recoñeceu que "non hai risco cero" xa que pode darse "a circunstancia de que se incumpra".

Como recoñeceu a ministra, a pandemia "non evolucionou durante agosto de modo positivo", de aí a importancia da reunión cos conselleiros de Educación das comunidades autónomas deste xoves, en que estarán presentes os ministros de Sanidade, Educación e Formación Profesional e Política Territorial.

"A reunión de mañá aborda cuestións xa expostas, non se parte de cero, hai algún axuste en termos de revisión, pero o plan de xuño segue vixente", insistiu a ministra, aínda que avanzou que queren "axustar cuestións como o uso máis ou menos xeneralizado da máscara".

Neste punto, apostou porque sexa "máis xeneralizado e a partir dos 6 anos", unha medida que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzara hai unha semana.

Tamén indicou que se tomará a temperatura aos alumnos antes de empezar as clases, un feito que se "poderá facer á entrada, pódese pedir aos pais ou pode medirse nas aulas". "Traballamos nun modelo combinado", sinalou, á vez que afirmou que tamén haberá xeles nas aulas para que alumnos e mestres poidan lavar as mans.

"Son 4 regras: ventilación, limpeza de mans, protección persoal e distancia. Son as mesmas regras en todos os lugares", sinalou a ministra, en alusión a outros países da Unión Europea onde xa comezaron as clases.

"Todos estamos nesa adaptación das medidas segundo a realidade que imos vivir no ámbito escolar", aclarou.

Insubstituíble

Ademais, fixo un chamamento aos pais para que leven os seus fillos ao colexio pois, como reiterou, "a educación é insubstituíble e beneficiosa". "Non pode ser substituída polo ámbito domiciliario", resolveu.

Por iso, a ministra insistiu en que as escolas teñen que "estar abertas" xa que a presencialidade segue sendo "o concepto xeral", que se priorizará ata os 14 anos. "Os nenos que non poden traballan diante do computador, teñen que estar acompañados no seu proceso educativo", explicou Celáa, que pediu "non cargar as familias con máis preocupación e incerteza".

Neste sentido, lamentou que se xerara"unha alarma excesiva" arredor do regreso ás aulas. "Preocupa as persoas e os centros que se diga que non se sabe. Si se sabe: as escolas van abrir, a presencialidade é o xeral e estamos a buscar a contorna escolar máis segura", detallou. "Temos que enfrontarnos ao virus para que os nenos fagan o máis importante: continuar co seu proceso educativo", aseverou.

"Non se está a partir de cero"

Doutra banda, negou que se estea improvisando o inicio do curso pois, como destacou, "todo está exposto desde maio e xuño". "Non se está partindo desde cero, só hai que facer algún axuste á realidade", indicou en relación aos dous documentos que se elaboraron coas CC. AA. o pasado mes xuño. "Un de volta á clase con 14 puntos que segue vixente. E outro, elaborado con Sanidade sobre prevención e hixiene", explicou.

Cando lle preguntaron polo protocolo que se debe seguir en caso de detectarse un posible caso, explicou que "o primeiro" é a detección precoz. "Unha vez detectado, notifícase ao centro de saúde, que define que facer. O profesor sácao do grupo con máscara e íllao", indicou.

En calquera caso, reiterou que as escolas teñen que estar abertas porque "hai un dereito do alumno a ser educado". "Teñen que permanecer abertas con controis e seguridade e que haxa unha contorna escolar segura que permita á familia tranquilidade", insistiu.

Falta de liderado

Celaá nega reproches de Iglesias e recalca que non se vai "distraer" coas críticas de Podemos. Desde Unidas Podemos admitiron este pasado martes un desencontro con Educación "no seo do Goberno" polo que consideran "falta de liderado" da ministra na preparación do inicio do curso escolar, o que se interpretou como unha queixa de Pablo Iglesias a Celaá no Consello de Ministros.

Na entrevista na Cadena Ser, Celaá indicou que non lle constan tales críticas e que, ademais, durante o Consello de Ministros falou co vicepresidente segundo sobre este asunto. "Todo o Goberno traballa na mesma dirección", sostén.