CRTVG

Buscar

Educación estuda separar por idades os espazos nos 'coles' para "perimetrar" rebrotes

Publicado o 04/06/2020 17:36
Educación estuda separar por idades os espazos nos 'coles' para "perimetrar" rebrotes

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, explicou que o seu departamento estuda segregar espazos por idades nos centros educativos para "non mesturar as diferentes etapas" durante o próximo curso, e así poder "perimetrar" posibles rebrotes de coronavirus nas escolas.

Nunha comparecencia na Comisión de Educación e Formación Profesional do Senado, Celaá subliñou este xoves que tanto o seu ministerio como as comunidades autónomas preparan unha volta ao cole en setembro "pensando en absolutamente todas as posibilidades" en que pode evolucionar a pandemia, que o pasado mes de marzo suspendeu as clases presenciais en toda España.

A ministra anunciou que a próxima semana volverá reunir cos conselleiros autonómicos de Educación na Conferencia Sectorial para avanzar nas medidas sanitarias que haberá que implantar nos centros educativos o próximo curso para evitar contaxios. "Porque é un motivo sanitario e non educativo", dixo Celaá, que despois salientou esta mensaxe: "A educación non está en crise de ningunha das maneiras, temos unha crise sanitaria".

Nese sentido, e tras as preguntas dos grupos parlamentarios sobre como se terán que adaptar os centros educativos para retomar o ensino presencial, Celaá adiantou que se utilizarán "todos os espazos" dos centros educativos para favorecer o distanciamento entre o alumnado, incluso a separación física por idades. 

 

Noticias web

04/06/2020