CRTVG

Buscar

Educación anuncia outras 845 contratacións para o curso, 110 delas para "reforzar" a dixitalización

Publicado o 14/09/2021 17:10

Os sindicatos denuncian que haberá 500 profesores menos

Representantes do sindicato CIG-Ensino e da Confederación de Anpas Galegas concentráronse hoxe fronte á Xunta. Aseguran que haberá recortes de persoal docente, e tamén un incremento de ratios en secundaria. Os sindicatos acusan a Consellería de Educación de falta de transparencia, e aseguran que este curso haberá uns 500 profesores menos que o anterior. Din que haberá centros que non poderán afrontar programas educativos por falta de docentes.

Precisamente o conselleiro de Educación anunciou a contratación doutros 845 profesores para o curso 2021/22 que reforzarán os grupos burbulla de infantil e primaria, a oferta en secundaria e formación profesional e o desenvolvemento do plan dixital en cada centro, ademais da rede de orientación.  A ampliación das contratacións de cara ao xa iniciado curso nos primeiros niveis educativos e que bota a andar este mércores en secundaria e FP foi anunciada na comparecencia de Román Rodríguez ante o pleno da Cámara autonómica, o primeiro do curso político.  

Os 845 novos contratos avanzados por Rodríguez súmanse, deste xeito, aos 1.250 profesores que formarán parte do Plan Recupera e que, até agora, eran os únicos postos extraordinarios anunciados pola Xunta de cara ao curso 2021/22 que, como recoñeceu o membro do Goberno galego, será de "transición" aínda que se vivirá cunhas características "moi diferentes" ao pasado. 

Deste xeito, o número de profesores no sistema educativo galego descende respecto ao curso anterior, cando se produciron 2.300 contratacións extraordinarias durante un ano lectivo marcado pola crise sanitaria. En todo caso, Román Rodríguez defendeu que, entre os 1.250 profesores do Plan Recupera e as contratacións anunciadas este martes, o sistema educativo galego terá 2.095 docentes máis en comparación co curso 2019/20, que se viu interrompido en marzo pola pandemia de covid-19.  

O descenso no número de profesores contratados de forma extraordinaria respecto ao pasado curso foi o elemento sobre o que recaeron os argumentos das críticas dos grupos da oposición, BNG e PSdeG, que advertiron que o recentemente iniciado curso é "aínda de transición" posto que a pandemia "segue aí" e, ademais das consecuencias sobre a saúde, a Xunta debe garantir medios para paliar os posibles efectos entre o alumnado após case dous cursos coa actividade lectiva dos centros afectada pola crise sanitaria.   

Noticias web

14/09/2021