CRTVG

Buscar

Coudet, candidato número un para substituír a Òscar no banco do Celta

Publicado o 09/11/2020 13:28

O Celta xa ten substituto para Òscar García. O novo adestrador do equipo celeste será Eduardo Coudet. O arxentino xa estivo unha breve etapa no Celta como xogador na temporada 2002-2003. Non frutificou, pero agora está a un paso de volver a Vigo como técnico. Chegaría avalado por unha magnífica temporada dirixindo o Inter de Porto Alegre que, contra todo prognóstico, vai líder destacado do Brasileirão despois de 19 xornadas.

Malia a boa marcha do equipo, o arxentino leva unhas semanas anoxado coa directiva do Inter porque lle negou novas incorporacións e aí entra en xogo o Celta. Onte preguntábanlle polo equipo galego despois de empatar no Beira-Rio co Coritiba e isto dicía o adestrador.

Eduardo Coudet deixa un club líder no campionato brasileiro para fichar polo Celta. O Inter de Porto Alegre vai primeiro na xornada 20 e xoga a Copa Libertadores. Fichou hai menos dun ano avalado polo título de campión da Liga arxentina co Racing de Avellaneda e xa tiña un perfil definido para os seus equipos: "Ser un equipo intenso, gústanme os equipos físicos", apunta Coudet, que engade: "Os meus equipos xogan con dous dianteiros, pero a realidade do sistema vaise adaptando aos momentos dos xogadores".

Como xogador, interior dereito, tivo un paso discreto polo Celta en 2002 onde coincidiu con Eduardo Berizzo, con quen parece compartir ademais de nome e procedencia, algo do seu discurso. "Quero que se vexa un equipo que tente xogar ben ao fútbol, que tente ser protagonista en todos os campos, que dispute cada pelota dende a primeira á última e sobre todas as cousas un equipo con moito corazón", di Coudet.

A mensaxe do Chacho Coudet soará familiar na Madroa. A súa idea de fútbol terá que encaixala cun cadro de xogadores pechado e con escasas opcións de mercado.