CRTVG

Buscar

Durante o ano 2019 recolléronse en Galicia case sete mil toneladas de residuos de aparellos eléctricos

Publicado o 21/01/2020 12:32

O fósforo dun televisor vello pode chegar a contaminar 80.000 litros de auga, pero tamén un frigorífico ou un ordenador son moi contaminantes. Por iso é tan importante que reciban un tratamento axeitado ao remate da súa vida útil. É unha tarefa que implica a toda a sociedade e que economicamente repercute no consumidor.

"Vai incluído xa no prezo. É unha taxa non visible que parte dende os fabricantes", conta Paula Paz, responsable de medioambiente da Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN).

Para reciclalos hai diversas formas. Se compramos un novo, o propio establecemento se encarga de retirar o vello.

"Sempre que se adquira un novo aparello teñen a obriga de xestionar o antigo e garantir a súa correcta xestión", apunta Paula Paz, da Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos.

Outra opción é tan simple como levalos a un punto limpo. "É un servizo de balde por parte do Concello e hai que depositalo aquí e nada nós o almacenamos e despois unha empresa xestora o levará para o seu final tratamento", narra José Manuel Sande, operario do punto limpo de Santiago. 

"Hai xente para todo, non custa nada reciclar, eu levo facéndoo moitos anos e veño aquí ao punto limpo, recóllenche de todo e no che poñen nunca problema ningún", apunta un usuario do punto limpo.

No ano 2016, Galicia recolleu 5.000 toneladas destes residuos. O ano pasado case 7.000. Este crecemento é un bo sinal pero aínda queda moito por facer.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/01/2020