Ducias de sanitarios do Clínico de Santiago volven protestar para reclamar melloras na UCI
Máis dun cento de profesionais sanitarios do Hospital Clínico de Santiago volveron protagonizar unha protesta, fronte á entrada principal do centro, para reclamar melloras na unidade de coidados intensivos (UCI) de adultos por considerala "obsoleta". Esta concentración, celebrada no mediodía deste luns, enmárcase na folga simbólica que manteñen os empregados deste servizo desde hai unha semana.
O presidente da xunta de persoal do hospital, Xosé Manuel Marcote, lamentou que "a día de hoxe" á dirección do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) "non lle debe preocupar a situación dos traballadores nin dos enfermos", porque "non quere" ou "non teñen présa nin en reunirse nin en chegar a un acordo".
En concreto, a folga convocouse para reclamar unha UCI "nova", despois de que "non se fixesen as reformas estruturais" prometidas hai meses que dotaría de cubículos a esta unidade, que é totalmente aberta. Esta actuación, ademais, favorecería que os sanitarios non tivesen que levar o equipo de protección individual (EPI) durante "todo o día". A isto sumou que tampouco hai "onde gardar a roupa", nin "duchas", nin "vestiario propio", senón que teñen que "baixar ata a planta -4" para poder asearse. "Pero segue sen haber proxecto nin un detalle do orzamento para a obra", afeou Marcote.
A folga dos traballadores en UCI continúa convocada para os luns, aínda que cuns servizos mínimos do 100 por 100 que non influirán na capacidade asistencial. Sobre a reforma da UCI, a pasada semana a dirección da área Sanitaria de Santiago-Barbanza argumentaba que se acometerá "o próximo ano, en canto a situación epidemiolóxica o permíta". E é que, aínda que se expuxo a súa realización nos últimos meses, ningunha das empresas se comprometía a tela acabada "en menos de cinco meses". Ademais, lembraba que "máis dun terzo" das camas de críticos nos hospitais de España ten carácter aberto, á vez que aseguraba que a do Clínico cumpre "con todos os requisitos e cocientes de persoal establecidos".