CRTVG

Buscar

Ducias de mascotas vilagarciás reciben a bendición do Santo Antón

Publicado o 17/01/2020 14:34

Para os amantes dos animais, o 17 de xaneiro é unha data sinalada. En moitas localidades, os veciños saen á rúa a bendicir os seus animais polo Santo Antón, patrón dos animais. No adro da igrexa de Santa Baia de Arealonga, en Vilagarcía, reúnense desde hai varios anos ducias de mascotas cos seus donos, aínda que, para algúns, o encontro deste ano foi o primeiro.

A sabedoría popular conta que Santo Antón se fixo sabio observando a natureza e os animais, aos que coidaba, bendicía e curaba. Antigamente, as súas bendicións asociábanse sobre todo a animais destinados á actividade agrícola, pero na actualidade esténdense a todos os animais domésticos. Hoxe, na parroquia vilagarciá de Santa Baia, todas as mascotas asistentes eran ou cans ou gatos.

A protectora de animais de Vilagarcía, que asiste a este evento desde hai dúas décadas, aproveitou o acto para concienciar da problemática do abandono animal e para recordar a importancia de optar pola adopción no canto da compra, entre outras cuestións.

A día de hoxe, no refuxio municipal vilagarcián hai uns 200 cans e 130 gatos á espera de adopción.

Noticias web

17/01/2020

Máis sobre Vilagarcía de Arousa