CRTVG

Buscar

A xustiza europea avala o control obrigatorio da xornada laboral

Publicado o 14/05/2019 16:17

 

 

A xustiza europea avala o control horario obrigatorio da xornada dos traballadores. Implantado desde o domingo pasado, o Goberno di que a sentenza colle a España cos deberes feitos. O comezo está sendo confuso para os empresarios. En Galicia lamentan o desconcerto en varios sectores.

O tribunal europeo deixa en mans de cada país os criterios do sistema que debe regular o rexistro da xornada laboral. En España, o comezo está a ser confuso nalgúns sectores. En Galicia, as confrarías entenden que o mar non ten horarios. E as dúbidas seguen en negocios pequenos e con mobilidade de empregados.

"Foi demasiado precipitado e moi pouco concreto. De feito, o Ministerio ditou onte pola tarde, á présa e correndo, unha serie de recomendacións porque a avalancha e as dúbidas xeradas no empresariado eran tremendas", aseguran na Confederación de Empresarios de Lugo.

Esa guía exclúe da fichaxe o persoal de alta dirección, o de servizo doméstico, asociados a cooperativas e autónomos. Tamén os deportistas profesionais e os artistas. 

"O tecido empresarial, especialmente o galego, é bastante disperso. As empresas adoitan ser pequenas, de poucos traballadores e a lexislación faise en xeral, para todas as empresas e hai unha diferenza moi grande entre a capacidade de implantación dunha medida deste tipo nunha empresa grande e nunha pequena". engaden desde a Asociacións Galega da Empresa Familiar.

A norma enmarca o rexistro horario na negociación colectiva. Os sindicatos temen que nas empresas en que non hai representación sindical, os empresarios recorran a un sistema deseñado ao seu antollo e afecte o fin da norma: controlar as horas traballadas e aboalas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/05/2019