Dúas verteduras nunha semana afectaron ao río Asneiros, ao Deza e chegaron ao Ulla
En menos dunha semana, dúas verteduras no río Deza. Iso é o que denuncia a asociación local de pesca deportiva. Afirman que se viu afectado un tramo de 50 quilómetros e que se descoñece tanto o tipo de produto que acabou na auga coma os seus efectos. Pero aseguran que a súa orixe está na depuradora do polígono de Botos, en Lalín.
Puxérono en coñecemento do Seprona e de Medio Ambiente. Unha grosa capa de escuma saíu dende o río Asneiros ao seu paso por Lalín, percorreu todo o camiño ata xuntarse co Deza e de alí ao río Ulla. A orixe exacta da vertedura descoñécese ata que conclúan as pescudas, pero aseguran que a depuradora de Botos pode ser unha máis que probable candidata.
"Sabemos que hai verteduras continuamente por parte dalgunhas depuradoras, pero este caso foi sangrante. A intención é interpoñer unha denuncia colaborando con Ríos con Vida que nos axuda nos trámites da denuncia, que se depuren responsabilidades e intentar contribuir a que isto non se repita", asegura Miguel Montoto. presidente da Asociación de Pesca Deportiva Río Deza.
Non morreron nin peixes nin troitas, pero non se sabe os efectos que pode ter para o resto da fauna. A sorte foi que os niveis de auga aínda son altos, polo que a vertedura se diluíu. Din que os problemas xa veñen de vello, dende hai vinte anos.
"É unha capa de escuma que vai pola superficie do río, cuxa composición non se coñece. Hai quen afirma que podería ser orgánica, aínda que a aparencia é que sexa de orixe química", afirma Daniel Santalla, tamén membro da Asociación de Pesca Deportiva Río Deza.
A empresa encargada da xestión da depuradora di sospeitar dun boicot, xa que están en plena guerra para a adxudicación do servizo de augas, que se atopa paralizada pola denuncia dunha das entidades presentadas ao concurso.