CRTVG

Buscar

Dúas persoas quedan illadas na ermida de Santa Comba de Ferrol ao sorprendelos a marea

Publicado o 06/06/2019 14:36

Dúas persoas quedaron illadas onte mentres visitaban a ermida de Santa Comba, en Ferrol, debido á subida da marea. Os bombeiros puideron rescatalas en perfectas condicións, e aseguran que este feito xa aconteceu máis veces. 

Contra as seis da tarde, o 112 era alertado de dúas persoas que quedaran atrapadas na ermida de Santa Comba, en Ferrol, ao verse sorprendidas pola subida da marea. Debido á súa situación, unida á praia por unhas escaleiras e rodeada por auga, só é posible acceder a ela coa marea baixa.

Unha vez no lugar, o rescate prolongouse durante varias horas ao ter que esperar a que baixara un pouco a marea. Os dous afectados foron protexidos con neopreno fronte ao frío, e non sufriron danos. Pero este non é un feito illado. Hai menos dunha semana, a outra parella estranxeira ocorreulle o mesmo, pero conseguiron ser rescatados por uns surfistas que estaban na zona. Adoita ser xente de fóra de Galicia que non coñece como funcionan as mareas.

Recomendan ter o mar de ollo en todo momento e non confiarnos se non coñecemos as condicións do lugar.

Noticias web

06/06/2019