Dúas persoas en paradoiro descoñecido, en Baiona e en Ortigueira, dende o venres
O mozo portugués Daniel Fernándes desapareceu do seu fogar na tardiña do venres. A súa nai, coa que vive na vila pontevedresa de Baiona, deu entón a voz de alarma. Daniel ten 18 anos, usa lentes, padece autismo e necesita medicación. No momento da súa desaparición vestía unha cazadora negra, un pantalón de chándal escuro e leva unha mochila encarnada cunha pegatina de Ferrari.
A súa familia está moi preocupada: "Porque é un neno con autismo. Saíu da casa, desapareceu, non deixou ningunha marca nin nada, e como ten unha medicación que tomar da enfermidade, estamos preocupados, máis que nada da enfermidade", aseguran dende o entorno máis próximo á familia.
As noticias máis recentes que teñen del é que o viron nunha gasolineira da Guarda mercando alimentos e unha pucha. Por iso agora están a encher a zona con carteis coa súa foto para que se alguén o ve poida alertar da súa localización.
Unha situación similar é a que está a padecer a familia de José Enrique Fernández, que descoñece o seu paradoiro dende o venres pasado. O home, de 46 anos, desapareceu da súa casa de Ortigueira e non se sabe nada dende entón. Conduce un Volkswagen Golf azul escuro.
Se alguén pode facilitar algunha información sobre a localización de calquera dos dous desaparecidos poden pórse en contacto coa Garda Civil a través do número telefónico 062 ou co servizo de urxencias 112.