Dúas persoas detidas nunha operación antidroga en Pontevedra
Esta mañá pasaron a disposición xudicial as dúas persoas detidas o pasado sábado. Esta operación antidroga é froito da coordinación entre a Garda civil de Pontevedra, a Policía Local e a Udyco número 1 da Policía Nacional, o grupo centrado no tráfico medio de drogas.
Este traballo conxunto iniciouse hai meses e culminou o sábado cun operativo de vixilancia e rexistros en distintos puntos. O barrio de Campolongo, en Pontevedra, foi un dos focos de actuación das forzas de seguridade. No concello veciño, Poio, os equipos policiais puxeron en marcha operacións de vixilancia en Covelo e na avenida da Barca. Foi nesta rúa onde finalmente se practicaron as dúas detencións, arredor das tres da tarde do pasado sábado. No lugar realizáronse tamén os rexistros en que se incautaron varios quilos de haxix.
As dúas persoas detidas foron conducidas a comisaría da Policía Nacional, onde permaneceron ata esta mañá, cando foron conducidos aos xulgados pontevedreses. Os dous detidos están relacionados co tráfico de haxix. As unidades involucradas neste operativo están centradas na distribución e venda de droga en Pontevedra e nas áreas veciñas.
O xulgado de Pontevedra que instrúe a investigación declarou o segredo sobre as actuacións policiais, xa que a operación antidroga continúa aberta.