Dúas peregrinas xaponesas volven a Compostela para adoptar un can que atoparon no Camiño de Santiago
Michi, Camiño en xaponés, xoga feliz con Kimiko e Tamano. Coñecéronse en maio entre Portomarín e Palas de Rei, cando elas percorrían a ruta xacobea, e agora reencóntranse para non separase xa, porque estas dúas rapazas decidiron volver a Galicia para levalo con elas ata Osaka, onde viven.
En Palas deixaron de velo pero xa tiñan un vínculo especial co can, así que contactaron coa asociación protectora de animais do Camiño, que se fixo cargo del. A familia de Kimiko decidiu adoptalo e, cumpridos todos os trámites, chegou a hora de, emocionadas e felices, vir recollelo.
"Estamos moi esperanzadas en que comece a formar parte da nosa familia".
"Gústanos moitísimo este sitio, pero creo que a nosa familia pode facelo moi feliz".
Desde esta asociación fan un chamamento, primeiro, ao non abandono dos animais. Na actualidade teñen 27 cans acollidos que esperan atopar un fogar definitivo. Pero tamén insisten en que é moi necesario evitar a súa reprodución sen control. Michi é afortunado, pero as súas donas tamén, que, felices de pasar estas datas en Compostela, lanzan unha mensaxe perfecta para a Noiteboa.
A bondade cara aos animais fainos moito máis felices.