Dúas mulleres tiveron que ser evacuadas de madrugada en Vigo ao prender lume na súa vivenda
Dúas irmás tiveron que ser evacuadas esta madrugada en Vigo por inhalación de fume no incendio que se produciu na súa vivenda. Sucedeu mentres durmían. Afortunadamente unha das mulleres espertou e decatouse do que acontecía. Os operarios de limpeza nocturna no concello de Vigo deron a voz de alarma e os bombeiros procederon á súa evacuación despois de subministrarlles osíxeno por unha ventá. A causa do incendio puido estar nun curtocircuíto.
Descalzas e en pixama. Tal e como as sorprendeu o incendio regresaban esta mañá á casa as dúas mulleres evacuadas por inhalación de fume no incendio que se orixinou na súa vivenda. Sorprendeunas mentres durmían. Afortunadamente unha delas espertou e decatouse de que algo acontecía.
Os primeiros en acudir, ao escoitar gritos, foron os operarios do servizo de limpeza do concello vigués que alertaron a Policía Local e comezaron a botar auga ao inmoble. Cando chegaron os bombeiros subministráronlle osíxeno a unha das mulleres pola ventá antes de proceder á evacuación das dúas.
O incendio apenas orixinou lapas. O peor foron as consecuencias do fume.
Hai unha investigación aberta para determinar as causas do incendio que podería estar nun curtocircuíto ou sobrecarga nun cadro eléctrico.