CRTVG

Buscar

Dúas mozas crean unha conta de notificacións en galego e arrasan no Instagram

Publicado o 15/11/2019 16:10

Este ano puxéronse de moda en Instagram as contas sobre notificacións. A maioría delas comparten frases románticas, pero dúas mozas déronlle a volta a iso e crearon o pasado verán Notificacións en galego (@notificacions.galego). Quixemos falar con elas e, aínda que preferiron manter o anonimato, accederon a respoder por audio.

É unha conta que arrasou no Instagram dende o primeiro día. "Todas as contas de notificacións eran en castelán e trataban temas románticos. Nós xa estabamos un pouco fartas, así que un día pensamos que estaría ben que houbese unha conta e galego, que amosase a nosa retranca e que lle dera visibilidade á nosa lingua", explican as súas creadoras.

Estas rapazas cóntannos que se inspiran en vídeos da TVG, de feito, a súa primeira publicación trata sobre unha entrevista da Televisión de Galicia que se fixera viral en que un neno lle respondía á reporteira cando esta lle preguntaba sobre o seu disfrace: "E comprouno, que traballo lle vai dar!". Pero parte da súa inspiración tamén vén das frases que usan entre os seus colegas e incluso aquelas que lles envían os seus involucrados seguidores.

Notificacións en galego ten como obxectivo divertir os usuarios de Intagram, pero tamén "facer que se sintan identificados", explican as creadoras.